O futuro. Un mundo feliz? Era o título da palestra que Antonio Brea Ramos –licenciado en Historia e diplomado en Dirección Cinematográfica– ofrecía na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, dentro do ciclo Pensando o futuro.
Presentado por Carmela Galego –que afirmou que Antonio Brea estaba alí para formular preguntas axeitadas–, o conferenciante comezou dicindo que o historiador só pode predicir o pasado, que nin o futuro nin o pasado existen: só o presente permanente e facendo un pequeno percorrido por algunhas profecías que demostraron ser equivocadas coma as de H.G. Wells ou Francis Fukuyama, quen nos anos 90 predixo o fin da historia.
O fin da historia sen conflitos sería o inferno na terra, xa que non se trata de eliminar os conflitos, senón que o que importa é o xeito de resolvelos.
Para Antonio Brea, na chamada cuarta revolución industrial o salto tecnolóxico é abraiante. A análise dunha serie de novas que poden parecer sorprendentes guiou e motivou a charla: o enxeñeiro que asegurou que a intelixencia artificial tiña conciencia, webs que usan a intelixencia artificial para crear rostros de persoas que non son reais, o director do Laboratorio de Robótica Intelixente da Universidade xaponesa de Osaka –Hiroshi Ishiguro– que creou un dobre seu, estudantes que utilizan a intelixencia artificial para crear textos semellantes aos humanos e así facer trampas na clase xa que os profesores non as detectan, o robot Sophie que está dispoñible para impartir conferencias ou a cidade lineal intelixente –The Line– proposta por Arabia Saudita.
A realidade semella imitar a ficción en moitas ocasións, afirmou Antonio Brea.
A charla continuou cunha reflexión a partir do libro “A pantalla profética” que contempla o elemento preditivo presente nas obras de ficción, para proseguir facendo unha comparación entre dúas das obras distópicas por excelencia: 1984 e Un mundo feliz. Mentres que Orwell estaba preocupado porque as clases dominantes puidesen privar de información ao resto da poboación, Huxley temía que o estado de sobreinformación fixera que a poboación caese na pasividade. Para Brea, o aumento da información non contribúe ao progreso da humanidade, senón ao seu control.
Estamos vendo a consagración da mentira en todos os ámbitos. Movémonos entre o silencio e a mentira. Bermejo Barrera –a quen citaba Antonio Brea– fala de fascismo cognitivo: un sistema global de goberno que sen aparente violencia conculca os dereitos das persoas controlando os mercados, creando e poñendo en marcha a información e o coñecemento. Estamos asistindo desde hai tempo á creación dunha neolingua. Hai un empobrecemento da linguaxe –xa abundan máis as emoticonas– e sen palabras non podemos pensar os conceptos.
Antonio Brea citou o documental Corporacións: institucións ou psicópatas para soster que vivimos nunha corporatocracia: as corporacións dominan as nosas vidas, e responden a perfís psicopáticos: menten, rouban e matan en favor dos beneficios. Entre os negocios máis lucrativos están as drogas ou o armamento. Non pode haber paz no mundo porque hai intereses moi grandes polo medio. Mais a guerra é unha estafa: a única en que os beneficios se contan en cartos e as perdas en vidas humanas, como dixo hai case 100 anos Smedley Butler.
Antonio Brea continuou cunha sucinta descrición dun mundo somerxido no metaverso a partir do filme Ready Player One, de Steven Spielberg, e quixo rematar a súa palestra na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda –a segunda dentro do ciclo Pensando o futuro– dunha maneira máis optimista: a distopía está aí, pero está nas mans da humanidade que finalmente non cristalice.